• Shortcuts : 'n' next unread feed - 'p' previous unread feed • Styles : 1 2

» Publishers, Monetize your RSS feeds with FeedShow:  More infos  (Show/Hide Ads)


Date: Tuesday, 10 Nov 2009 17:22
Ola a todos. Volvemos traer noticias para os clientes da nosa televisión dixital, porque imos lanzar unha nova versión da nosa Guía Electrónica de Programación (EPG).

Con case toda seguridade estará dispoñible a semana que vén, pero xa sabedes que as datas é mellor tomalas como unha referencia e non como algo inamovible. Con todo, nuns días a cousa xa estará en marcha, polo que non ides tardar en poder valorar as melloras.

E que melloras vai ter esta nova EPG? Pois en primeiro lugar están os destacados. No menú ides ter esta opción, na que teredes acceso a todos os eventos de cine e de deportes que se emiten tanto no día da consulta coma nos dous seguintes. Tedes a posibilidade de consultar os eventos de PPV (os de adultos teñen a posibilidade de estaren bloqueados a través do control parental) e os das canles que tendes contratadas co voso combo.




Vamos, que ides ter acceso a un feixe de información. Todos estes eventos recíbense a través da canle de retorno do voso descodificador de televisión (é dicir, do cablemódem que hai dentro do cacharriño), e ides poder establecer neles avisos e compras. A información por iso vos chega un pouco máis lenta, porque ten que acceder a un servidor onde está a información e por iso igual tarda un pouco máis, aínda que a cambio ides ter moita máis información.

Para poñervos un exemplo, se vos gustan as películas de vaqueiros ides a destacados>en combo>cine/western e xa tendes aí unha listaxe cos filmes (e os diferentes pases) que se emitirían tanto hoxe, coma mañá e pasado mañá. Organizados alfabeticamente, iso si. Que consultades isto á mediodía, mentres comedes, e vedes que se emite “El bueno, el feo y el malo” ás 17.00 horas e tamén ás 21.00 horas, e que estades interesados en vela pola noite pero igual non vos lembrades, pois poñedes un aviso e listo.



E así como temos a categoría de “western” dentro de cine, tamén temos a de “acción”, “animación”, “aventuras”, “todos”, etc., etc. Vamos, que xa vedes que tampouco é que se trata propiamente de destacados, senón de todas as pelis e eventos deportivos que se emiten. No futuro si que temos idea de poñer propiamente eventos destacados, que irán acompañados dunha estreliña para diferencialos.



Outra mellora: a sinopse vai estar máis detallada. De boas a primeiras comezaremos ofrecendo isto nas canles de PPV, nas de cinema e tamén noutras coma AXN, Fox ou a Paramount Comedy. A información estará nunha pantalla na que ides poder baixar coas teclas do mando, como se estivésedes diante dunha web, non coma antes, cando tiñades que darlle a páxina +. A ficha das pelis agora vai ser digna de Filmaffinity: vai ter o título e o idioma orixinais, o ano de estrea, a duración, o título e a tempada do episodio, o director, o produtor, os catro actores máis destacados, se é en cor ou non, a nacionalidade e os seguintes pases (hora e canle).



Cambiamos tamén a organización do menú da EPG, aínda que iso é unha cuestión menor ;) E seguimos traballando noutras melloras das que vos falamos no seu día, coma a posibilidade de ofrecervos información do tempo, noticias, resultados deportivos, loterías... Vamos, que non descansamos.

Lembrade, iso si, que para actualizar a versión da EPG é preciso apagar o descodificador de televisión co mando e deixalo así uns 10 minutos. As luceciñas do frontal do desco comezarán entón a escintilar nunha sorte de éxtase dixital, como se estivesen posuídas. Vamos, que se está a descargar a nova versión, que nun par de minutos xa a teredes lista.

Un supertruqui que nos contan por aquí para saber se realmente tedes a nova versión é indo ao menú. Se hai unha sección chamada destacados, voilà, habemus nova versión da EPG. E para os que se pregunten o motivo, pois é algo tan sinxelo como que antes esta opción non estaba no menú, polo que ao aparecer está claro que temos a nova versión.

Pero ademais, en R agora temos escondido outro as na manga. Como sabemos que sempre hai algún despistado que pode ignorar que hai unha versión nova da EPG, pois desta vez ocurréseunos que estaría ben avisarvos directamente a través da televisión. Deste xeito, se tedes unha versión antiga e pulsades a tecla do menú do mando de R, apareceravos a seguinte mensaxe: “Hai unha nova versión da guía de programación. Para actualizar o desco R, apágao co mando, espera 10 minutos e despois acéndeo”. E se non lle facedes caso, pois sairavos este aviso cada semana, sempre e cando premades na tecla de menú, of course. Vamos, que agora non haberá xeito de dicir que non comunicamos ben as cousas ;)

Por certo, a primeira das reunións informais que temos previsto facer con vós vai ser este xoves na Coruña ás 20.00 horas. Se alguén está interesado, mandade un correo a quecheparece@mundo-r.net 

Un saúdo.
Author: "QueCheParece.com" Tags: "televisión"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Monday, 02 Nov 2009 17:21
Ola amigos. Hoxe estamos aquí para darvos outra boa noticia. Se a semana pasada lla dabamos aos clientes que tiñan contratados os 30 e os 100 megas, hoxe vai para aqueles que se sentan diante da súa televisión R para relaxarse.

Tampouco lle imos poñer moita tensión ao asunto, porque no título xa vos desvelamos todo o misterio ;) O caso é que se incorporan á nosa grella de televisión dixital tanto Antena.Nova como Antena.Neox, unha petición que moitos de vós nos levades facendo dende hai tempo.

Os clientes de comboR, combo2 e os que ven a nosa televisión cun sintonizador DVB-C van poder desfrutar destas novas canles dende mañá, 3 de novembro. Así que xa vedes que é algo inminente. Antena.Neox vai estar no dial 19, mentres que Antena.Nova a ides atopar non dial 81, no lugar de Andalucía TV (que pasará ocupar o dial 90).

De seguro que máis dun cliente de combo3 e combo1 se está a tirar dos pelos porque pensa que non lle imos ofrecer estas canles. Pois non, estas canles tamén as van poder recibir, pero un pouco máis adiante. Ao igual que cando fomos incorporando en aberto e dun xeito gradual canles como TVG2, 40 Latino e CNN+ para todos os nosos clientes, nesta ocasión o proceso tamén será progresivo. Pero non teñades medo que as ides ter ;)

Non creo que faga moita falta que vos falemos destas novas canles, pero se hai algún despistado, imos explicar que tipo de programación ofrece cada unha. Antena.Neox está bastante orientada ao público infantil e xuvenil, xa que emite series para adolescentes (Física o Química, El internado, El príncipe de Bel-Air), cine sen cortes, deportes (partidos en diferido da Champions) e programación infantil dentro do espazo Megatrix ou Guasanga.

Pola súa banda Antena.Nova está máis orientada a un público feminino e familiar. Emite espazos de produción propia, telenovelas, redifusión de Antena 3 e tamén series que algúns desfrutabamos hai anos como Canguros ou Los Ladrones van a la oficina :D. Aínda que tamén emiten outras máis actuais, como as redifusións de Doctor Mateo os xoves á noite. E para os que vos gusta o cinema, os luns, martes, mércores, venres e domingos ás 22.00 horas sempre hai unha peli.

Esperamos que vos guste esta novidade. E lembrade que temos pendente unha reunión informal cos clientes interesados en axudarnos a mellorar os nosos servizos. Se estades interesados podedes enviar un correo a quecheparece@mundo-r.net indicando a vosa dispoñibilidade para tratar de fixar un día e unha data.

E coma sempre, seguimos pola web 2.0 no facebook, no twitter e neste blog.

Un saúdo.
Author: "QueCheParece.com" Tags: "televisión"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Monday, 02 Nov 2009 15:47
Estamos que non paramos. Ben, realmente o que non para é o noso módulo itinerante que está a percorrer a xeografía galega de arriba á abaixo: que se Ponteareas, que se A Estrada, que Lalín... Pois agora, para que non se aburra, enviámola ata Xinzo de Limia.

Se algún de vós é de alí e se quere pasar a dar unha voltiña para vela ou para preguntar calquera cousa, estará na praza de San Roque. E alí a veredes ata finais de novembro, aínda que se vemos que hai colas quilométricas e xente que acampa diante en tendas de campaña, igual o ampliamos un pouquiño máis ;)

Xa vos iremos contando.

Un saúdo.

Author: "QueCheParece.com" Tags: "xeral"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Monday, 02 Nov 2009 10:44
Benvidos de novo a este espazo virtual no que vos mantén informados de primeira man da actualidade de R. Hoxe toca un post para os nosos clientes de televisión dixital, eses que teñen nos seus fogares un descodificador de televisión.

Como sabedes, sobre todo aos que máis vos gusta remexer nos aparellos, se mirades a parte de atrás do noso desco hai diferentes conexións, entre as que podedes ver unha toma de entrada e outra de saída do sinal, o euroconector, unha toma ethernet ou a conexión á toma eléctrica.

Pois ben, de seguro que sabedes que a conexión ethernet está limitada. É dicir, o desco só serve para enviar e recibir información en dúas direccións: do cliente a R e de R ao cliente. Deste xeito podedes comprar películas e partidos en PPV ou recibir información sobre o que se está a emitir a través da nosa guía electrónica de programación.

A nosa idea sería abrir os portos do descodificador de televisión de xeito gratuíto entre os clientes que teñan acceso a internet de R, para así aumentar as posibilidades e as opcións que ofrece este servizo.

Vamos, que entre aqueles máis inquedos e que vos gusta montar unha pequena plataforma multimedia na casa isto pode ser máis que interesante. E para os que non teñades nin idea de que permitiría facer, simplemente comentarvos que se poderían conectar aparellos coma o teléfono, o vídeo, un disco duro multimedia, a videoconsola ou un SlingBox.

Lembrade o tema da reunión informal. Se alguén se quere reunir con nós para tratar de mellorar o servizo, se nos enviades un correo a quecheparece@mundo-r.net indicando a vosa dispoñibilidade (data e lugar), intentamos pechar un encontro.

Un saúdo e ata a próxima.
Author: "QueCheParece.com" Tags: "televisión"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Thursday, 29 Oct 2009 18:18
Ola a todos. A entrada de hoxe no blog é para explicarvos que van aumentar as velocidades de subida dos produtos de 30 e de 100 megas, algo no que levamos traballando dende hai tempo para mellorar o servizo.

Como sabedes, ata agora o que ofreciamos eran 30/1 e 100/3. Moitos de vós fixéstesnos saber que sería conveniente subir o upstream para ofrecer un produto moito máis atractivo e tamén de maior potencial. Non se trataba de algo sinxelo, pero fixémolo, e agora estas novas velocidades van quedar en 30/3 e en 100/5.

Como vedes, facemos caso das vosas suxestións porque para nós é importante responder ás demandas dos clientes. Non sempre é posible nin sinxelo, pero de verdade que traballamos cada día coa idea de darvos o mellor. E niso seguimos. Porque de seguro que máis dun se queixa de que unha subida de 5 megas para unha baixada de 100 é insuficiente. Sabedes que en R sempre intentamos ofrecer produtos de calidade, con velocidades o máis reais posibles polo que, nese sentido, preferimos lanzar un produto estable e que poidamos garantir. Como vos dixemos máis arriba, trátase de produtos novidosos para o mercado residencial, polo que estamos aprendendo e facendo probas constantemente para mellorar. Ás veces é complicado, porque hai condicionantes coma os equipos dos clientes, os sistemas operativos, a estabilidade das conexións... aos que temos que facer fronte. E niso estamos, investigando e traballando para darvos futuras alegrías ;)

Para os que vos preguntedes cando van estar estas novas velocidades, dicirvos que moito máis preto do que pensades. A nosa idea, se todo vai ben, é que estean dispoñibles para a semana que vén. Pero no caso de que algo falle, non vos preocupes que estarán como moi tarde a mediados de novembro. Aos que xa tedes contratado algún destes produtos, só nos queda dicirvos que desfrutedes do novo upstream e que nos comentedes que tal a experiencia.

E para os que teñades outra conexión e vos interese algún destes produtos pero o vedes como moi lonxano por temas de cobertura, comentarvos que este ano fixemos un grande esforzo para que a maior parte dos nosos clientes teñan acceso a estas velocidades. Se o ano pasado só se podían contratar nalgunhas zonas da Coruña, de Lugo e de Vigo, este ano arredor do 70% dos nosos clientes van poder dispoñer dos 30 e dos 100 megas. É dicir, que aproximadamente 455.000 fogares en Galicia poderán acceder a velocidades inimaxinables hai poucos anos.

Lembrarvos tamén que queremos organizar unha reunión informal con aqueles clientes que estean interesados en darnos ideas para mellorar o noso servizo. Se queredes falar directamente con nós, tomando algo (pola patilla) e falando distendidamente e en confianza, envíadenos un correo a quecheparece@mundo-r.net indicando que día e en que localidade poderiades quedar.

Continuamos polo twitter, o facebook e por aquí.

Un saúdo.
Author: "QueCheParece.com" Tags: "fixo e móbil"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Monday, 19 Oct 2009 14:41
Ola amigos. De seguro que o título do post de hoxe vos deixa con bastantes dúbidas sobre de que vou falar. Que é iso dunha plataforma de servizos web? Realmente non é sinxelo definilo en dúas liñas, pero dicirvos que vai incluír: webmail, disco duro virtual, tochomail, calendario, axenda de contactos...

Debuxamos aquí os detalles:

- Novo webmail: Lavámoslle a cara a nivel de deseño ao webmail, mellorando, of course, iso que chaman a usabilidade. O novo webmail estará tamén integrado coas novas funcionalidades da plataforma de servizos web: calendario, axenda, tochomail, disco duro virtual... Deste xeito, por poñer un caso, poderedes acceder ao disco duro virtual e escoller un arquivo para enviar mediante o tochomail.

- Disco duro virtual de 2XB: isto mola mazo (Camilo Sesto forever!). De que se trata? Pois dun espazo no que podedes subir os vosos ficheiros e compartilos con quen queirades. Pode ter unha zona pública e outra privada; vamos, que o podedes organizar ao voso gusto. Isto parécenos moi útil, porque poderedes deixar documentos, arquivos, vídeos, fotos... a disposición doutros amigos ou familiares que estean interesados neles. Só terían que acceder a ese espazo e descargar o que lles interese. Rápido e sinxelo! Do mesmo xeito, se precisades para o voso traballo ter sempre a disposición unha serie de documentos que pesen bastante, podedes recorrer a este disco duro virtual, para non ter que andar cunha memoria USB, porque aí sempre os ides ter dispoñibles, esteades onde esteades.

- Tochomail: imos mellorar esta ferramenta que sabemos que tanto vos gusta. Agora poderedes enviar de cada vez máis arquivos e máis pesados. Se ata agora o tamaño máximo que se permitía enviar era de 1 xiga, duplicamos a capacidade do tochomail, polo que poderedes mandar arquivos de ata 2 xigas. So strong!

- Axenda de contactos: como sabemos que sodes xente organizadiña, que o quere todo no seu sitio, en breve poderedes sincronizar os vosos contactos do correo co móbil.

- Calendario: e para que sigades organizadiños, a nova plataforma de servizos incluirá un calendario no que poderedes ir anotando as vosas reunións, os aniversarios dos familiares e dos amigos, as datas coas vacacións... Ademais, imos permitir que sexa un calendario compartido, de forma que outros usuarios teñan acceso a el e poidan ver a vosa dispoñibilidade ou por onde andades.

- Consulta outras contas de correo externas: chachi piruli!. É cada vez máis frecuente que os usuarios teñamos diferentes contas e correo con diferentes provedores, para ter nunha as cousas do traballo, noutra os power points e os vídeos simpáticos que se reenvían, noutra... E como en R somos conscientes diso, darémosvos a posibilidade de poder consultar todas as vosas contas de correo Gmail ou de calquera conta POP ou IMAP.

E agora vén a pregunta de sempre: e isto para cando vai estar? Pois con case total seguridade (tomade este dato con pinzas) estará para finais de ano (para que teñades tempo de fedellar e coñecer de primera man as melloras durante as festas do Nadal). Comentarvos ademais que a nova plataforma de servizos web estará preparada para o futuro (soa impactante a frase, a que si?). É dicir, que van poder desenvolver máis servizos aos integrarse esta plataforma coa televisión, co fixo ou co móbil R. Como? Un exemplo: nesta plataforma poderedes configurar as alertas de televisión, enviar sms co teu número móbil, envío e recepción de faxes...

Agardamos que vos gusten estas melloras máis que as cancións tan cursis que vos deixei hoxe enlazadas, aínda que tiña máis na lista, non vaiades crer ;) O dito, que xa nos contaredes que vos parecen estas melloras e tamén estaría ben que nos fagades outras suxestións para o futuro, para mellorar este servizo.

Xa que estamos, queremos aproveitar para ter unha especie de encontro informal con vós. A idea é quedar unha tarde tomando unha caña ou un café (convidamos nós, of course) para que nos comentedes un pouco os servizos que vos parecen útiles, de que xeito podemos mellorar os nosos servizos... Vamos, algo entre nós e vós. Os interesados podedes enviar un correo a quecheparece@mundo-r.net ou ben ir discutindo a cousa aquí, nos comentarios. Con dicirnos a dispoñibilidade que tendes (os venres pola tarde, os luns a mediodía...) e o sitio ou sitios que teñades a man para acudir á cita, pois a partir de aí xa nos facemos unha idea da xente que está interesada, intentando organizar algo no que poidan ir a maioría dos interesados (todos xa sabemos que vai ser imposible, porque cada un é dun sitio e a compatibilidade de horarios adoita ser complicada).

Seguimos polo facebook, o twitter e este blog.

Un saúdo.
Author: "QueCheParece.com" Tags: "novidades"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Thursday, 15 Oct 2009 11:12
Ola amigos. Os que non lle sacades ollo á nosa tendaR de seguro que xa vos decatastes, pero para os que vos pasades de cando en vez a mirar as novidades que temos en canto a móbiles, dicirvos que hoxe estreamos tres terminais de Nokia e un de Samsung.

En concreto comezamos a comercializar os Nokia 2720, 2700 e N97, xunto co Samsung STAR (que non se diga que non só temos Nokia, así que para comezar a romper o monopolio dos escandinavos, miramos cara a Corea). Empezamos falándovos do Samsung, xa postos, un terminal táctil de última gama, cunha cámara de 3,2 megapixeis que permite gravación de vídeo. Ten unha pantalla ultrarresistente de 3 polgadas e inclúe unha serie de widgets ou aplicacións que se poden conectar á rede. É bastante manexable e ten unha batería potente, potente. E sobre todo é bastante económico para ser un móbil táctil.

Outro móbil barato e interesante é o Nokia 2700. Interesante en canto que ten unha cámara de 2 megapixeis, compatible con tarxetas de memoria microSD e cuadribanda, para que teñades a seguridade de que o ides podes usar dende calquera outro país ao que viaxedes. Polo demais, ten o típico: bluetooth, reprodutor de música, radio... E sobre todo trátase dun terminal sinxelo, para lles simplificar a vida aos usuarios que prefiren a usabilidade ao deseño.

Na mesma liña, un pouco máis orientado aos que lle gustan os terminais con teclas grandes e cómodos está o Nokia 2720 (este creo que lle vai gustar á miña nai). É semellante ao anterior, pero en formato cuncha, e con algunha prestación menos. Por exemplo, a cámara ten 1,3 megapixeis e é bibanda. En canto a deseño destaca polo efecto espello que fai. Ademais, ten unha pantalla principal e outra na tapa exterior, para que poidas ver quen te chama sen que o teñas que abrir. Polo que sabemos é moi fácil de manexar e de configurar, polo que se complementa á perfección co seu sinxelo deseño.

E quédanos o Nokia N97, unha auténtica máquina para os que vos gusta o mellor do mellor ou para os que facedes un uso moi intenso da internet a través do móbil. É un terminal cuadribanda, con radio e reprodutor de música, saída de televisión, GPS, cámara de 5 megapixeis, que conta cun teclado qwerty, pero á vez é táctil. Case nada. Ten unha pantalla de 3,5 polgadas que se desliza para deixar ver o seu teclado. Poderedes ver os adxuntos que vos envíen do tipo .doc, .xls, .ppt ou .pdf e desfrutar de todas as aplicacións coas que conta o terminal.

Xa nos contarades que vos parecen estas novidades. E non vos esquezades, nas nosas tarifas temos as chamadas a 0 céntimos/min a todas as liñas do mesmo contrato, a 3 céntimos/min a todos os móbiles de R e dende 9 céntimos/min ao resto de operadores. E para os que preferides unha tarifa máis económica sen terminal subvencionado, hai ben pouco sacamos a tarifa mini: 6 céntimos/minuto e 9 cént/SMS a calquera operador nacional as 24 horas do día todos os día da semana.

Seguimos polo facebook, o twitter e este blog.

Un saúdo.
Author: "QueCheParece.com" Tags: "fixo e móbil"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Wednesday, 14 Oct 2009 16:11
Ola de novo a todos. O outro día xusto comentabamos as precaucións que era conveniente tomar contra as fraudes pola internet, e esta pasada noite descubrimos que algúns dos clientes de R sufriron un intento de ataque de phising.

Contámosvos. Onte houbo un envío masivo de correos aos clientes que contan cun dominio tipo nome@mundo-r.com. O que lles chegaba foi isto:



Polo que sabemos, foi enviado dende algún punto do este de Europa e o que pretendían era facerse cos usuarios e os contrasinais dalgunhas contas de correo dos nosos usuarios para despois poder conseguir outra serie de datos, supoñemos, ou para enviar máis spam dende estas contas. No correo que enviaban, que intentaron traducir ao galego, remitían aos nosos clientes á páxina de webmail, pero non á auténtica, senón a unha réplica case exacta.

De feito tiña os caracteres do webmail propios de R e os recadros para poñer o usuario e o contrasinal, pero en lugar de estar aloxada en mundo-R.com, estaba nunha web estraña que non ten nada que ver con nós:



Como tiña erros o texto do mail, de seguro que vos déstedes conta en seguida de que era fraudulento. Se non foi así, recomendámosvos que cambiedes de inmediato o contrasinal da vosa conta para que non accedan a ela.

A web falsa nestes momentos xa non funciona porque onte xa foi denunciada dende R ao propietario do aloxamento e borrada rapidamente, e tamén, para os que utilicen FireFox, xa aparece unha mensaxe indicando que hai un aviso de que se trata dunha falsificación.



O dito, tende moito coidado, desconfiade sempre dos correos que estean mal traducidos tanto ao galego como ao español e intentade instalar un antivirus que poida detectar que se trata de correos fraudulentos (ben seguridade R ou outro calquera, pero é importante ter un porque pode evitar moitos problemas). Por aquí estamos sempre vixiando que estas cousas non se produzan, e temos moita xente pendente da seguridade da nosa rede, coma neste caso. De todos os xeitos, catro ollos sempre ven mellor ca dous ;)

Un saúdo.
Author: "QueCheParece.com" Tags: "internet/web"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Friday, 09 Oct 2009 11:02
Ola rapaces. Se hai uns meses vos comentabamos que eramos a mellor Compañía de España en Satisfacción de Consumidores 2009 na categoría de acceso a internet segundo o estudo Índice Stiga, hoxe queriamos facernos eco doutro estudo entre os internautas españois, segundo o cal somos o mellor provedor a nivel estatal. Iso se tomamos en conta a nota que nos deron os nosos clientes e nos comparamos coa nota que recibiron o resto de provedores.

O caso, como vos digo, é que se acaba de publicar no número deste mes da revista OCU - Compra Maestra un informe elaborado a nivel internacional pola Organización de Consumidores e Usuarios xunto ás asociacións de Bélxica, Italia e Portugal. Neste estudo participaron 2.050 internautas de toda España. E de que vai o estudo? Pois ademais de analizar que fan os usuarios pola Rede, preguntouse sobre a satisfacción dos clientes co seu provedor de internet.

En xeral a opinión dos consumidores non é demasiado favorable, e só os operadores de cable autónomicos “se merecen un notable a xuízo dos seus clientes”, segundo a publicación, e "R é o  provedor de Internet cos clientes máis satisfeitos", segundo podemos ler na súa web. Neste sentido, R é o operador que ten maior valoración global dos seus clientes, cunha nota de 7,8. Por detrás estarían Telecable (7,6) e Euskaltel (6,9). E con menor nota estarían Vodafone (5,8), Ya.com (5,7) e Telefónica (5,7). Vamos, que hai unha diferenza bastante boa.

A valoración dos nosos clientes segue aumentando e, de feito, subiu a nota que nos deron con respecto ao mesmo estudo realizado no 2007. E que é o que máis se valora por parte dos usarios de R? Pois sobre todo a solución dos problemas técnicos que poidan ter (8,2 puntos sobre 10), a atención ao cliente que damos (8,1) e a instalación (8). Deste xeito, é a sexta vez consecutiva dende o 2004 na que saímos como o operador de internet máis destacado a nivel estatal.

Aquí temos a máxima de que as cousas teñen que ser o máis sinxelas para o cliente, porque para iso se nos contrata a nós o servizo. E por iso vos deixamos a conexión lista e funcionando (nada de kits autoinstalables), por iso vos ofrecemos varias formas para que vos poñades en contacto con nós e por iso nos volcamos ante calquera incidencia que poidamos ter (porque sabemos que ninguén está libre de problemas, pero canto menos lle afecten ao cliente, mellor que mellor).

Queremos aproveitar para darvos as grazas pola vosa confianza e para reiterar o noso compromiso coa calidade e co servizo por riba de todo. Como sinalan os datos que recolle a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Sociedade da Información sobre as conexións dos operadores, en R somos dos operadores que máis velocidade garanten aos seus abonados. Está claro que ter unha rede propia axuda, como se sinala dende Banda Total: "entre o terceiro trimestre de 2008 e o segundo trimestre de 2009, os operadores de cable ofrecen os mellores resultados de velocidade de acceso á internet, confirmando a superioridade desta tecnoloxía fronte ao ADSL, que se basea no aproveitamento das antigas redes de cobre”.

Seguimos por aquí, no facebook e no twitter.

Un saúdo a todos.
Author: "QueCheParece.com" Tags: "xeral"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Tuesday, 06 Oct 2009 16:11
Ola a todos. O outro día falamos das estafas pola internet e hoxe queríamos advertirvos respecto dalgúns números de tarificación adicional e dos servizos de subscrición vía móbil.

En primeiro lugar, dende R aconsellámosvos que saibades ben a quen lle dades o voso número de móbil e que teñades claras as condicións dos servizos que contratedes. E cando vos regalen algo, mirade ben se vos regalan algo porque si, porque de seguro que vístedes por aí algunha que outra páxina web onde se vos regala un tono para o móbil ou un xogo a cambio de poñer o voso número de móbil. Coidadiño porque ninguén regala pesos a catro pesetas. Mirade ben a letra pequena porque iso adoita ter detrás a subscrición a un servizo de contidos. É dicir, que che regalan un politono pero despois che poden cobrar por cousas que che mandan si ou si, interésenche ou non, cada semana. E pódenche enviar ata 12 contidos semanais (a un euro e pico por contido nalgúns casos, botade contas).

E o peor son esas webs onde non hai sistema de validación nin nada: eu podo poñer o número de móbil dun veciño e, sen comelo nen bebelo, este pode quedar subscrito a un servizo que non quere. Noutros casos as webs si que che envían unha mensaxe previa de validación, para confirmar que estás interesado no servizo.

Outro consello para os que teñades móbil R: mirade os vosos consumos ou controlade o que gastades. Na web de clientes podedes ver os vosos consumos, pero tamén temos un servizo de control de saldo a través do móbil, para que esteades seguros do que ides gastar e non pasarvos do que teñades establecido. Iso si, se vedes que estades subscritos a un servizo de subscrición destes e non vos interesa, buscade o código para darvos de baixa o antes posible, aínda que non sempre é sinxelo. Ou mellor aínda, cando vos deades de alta nun servizo destes, comprobade antes de nada como podedes facer despois para darvos de baixa, porque nalgún momento dado vos pode deixar de interesar o servizo. Déixovos un vídeo aquí cun exemplo.

Vamos, que hai que ter moito tino tanto con estes servizos coma cos números de tarificación adicional. Hai uns días podíase ler na prensa que “máis do 65% dos números 803, 806 e 807 denunciados en 2008 foron retirados por incumprir o código de conduta”. Un dato moi esclarecedor da clase de empresas que pode haber detrás destes servizos. En total retiráronse 245 números que ían dende fraudes de premios, pasando por servizos de contactos ou posibles ofertas laborais.

E tamén pasa o mesmo con moitos números 905. Cóntovos a última: un compañeiro do traballo o outro día recibiu unha chamada perdida dun 905. Moita xente, se non é consciente do tipo de número que está detrás, pode chamar para preguntar quen o chamou, e zas!

Hai tempo publicouse o caso de varias persoas que recibiran avisos dunha compañía de transporte e o número que se deixaba de contacto era un 905. Iso si, separaban o 90 do número 5, para que a xente pensase que era unha chamada doutra provincia. Vamos, que directamente estaban intentando enganar ao persoal, que lanzaban unha especie de cebo para que despois picase todo quisque chamando. Pois ben, acaba de publicarse nos medios que se detivo á persoa que estaba detrás de todo isto e que puido estafar arredor de 150.000 euros en tres meses. Case nada.

Pero os 905 que máis coñecedes son de seguro os dos programas de televisión ou Call TV. Eses grandes concursos que se emiten de madrugada con xogos de máis ou menos dificultade e que prometen suculentos premios. Non é ouro todo o que reloce! Aínda me lembro, hai anos, un destes concursos realizado en Madrid pero que se podía ver a través dunha televisión local das Rías Baixas. O caso é que o meu pai se pasaba horas e horas vendo o programa á espera de que alguén acertase preguntas tan complicadas como “De que cor é o cabalo branco de Santiago?”. Sorprendentemente, ninguén atinaba. Pero o mellor é que se vía claramente que detrás de quen chamaba había unha única persoa poñendo diferentes voces, para dar a sensación de que entraba moita xente en directo, pero que ninguén daba coa resposta correcta.

Dende aquela a regulación cambiou e o Ministerio de Industria agora xa permite que estes números non che teñan ao teléfono media hora. Antes si é certo que cando marcabas estes números podías quedar colgado do teléfono minutos e minutos, ata o punto de que a orella quedaba quente e o peto a arder. Agora a regulación obriga a que cada chamada teña un prezo máximo estipulado, aínda que é ben certo que segue a haber moitas denuncias relativas ao tema.

Se non chamades a esa clase de números dende o fixo e non queredes levar sustos a fin de mes, R ofrece a posibilidade gratuíta de restrinxir as chamadas que facedes dende o voso teléfono de R aos 803, 806, 807, 905 e 907. É algo que pode evitar disgustos e que podedes facelo chamándonos ao 1449.

Tedes que ter claro que R non vive deses servizos, xa que detrás deses números hai outra serie de empresas, aínda que despois se nos reclame a nós e parece que os que vos cobramos por chamar aos programas de televisión somos non. Pero non, porque eses cartos van despois para eles. Nese sentido queremos ser claros con vós como clientes, aconsellarvos que sexades cautos e conscientes á hora de chamar a estes servizos, e que, sobre todo, vos informades dos custos que poden ter.

Ben, xa nos contaredes se vos pasou algo disto e como acabou a cousa.

Seguimos polo facebook, o twitter e por aquí ;)

Un saúdo.
Author: "QueCheParece.com" Tags: "xeral"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Monday, 05 Oct 2009 11:29
Jelous. Hoxe quería informarvos de que a nosa tenda R itinerante estará ata o próximo 31 de outubro en Lalín, en concreto na praza da Torre.

Un saúdo xente.
Author: "QueCheParece.com" Tags: "xeral"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Monday, 05 Oct 2009 10:23
Ola quecheparezadictos. Como sabedes, a principios de verán sacamos unha serie de novas tarifas de internet móbil, promocionadas gratis durante todo o verán. Pois ben, como rematou a promoción e igual aínda hai alguén despistado co tema das nosas tarifas de internet móbil, vouvos refrescar a memoria.

Podedes darvos unha volta pola nosa web para que vexades as condicións, as diferentes tarifas de datos e cal é a que máis se axusta ás vosas necesidades. Pero tendes plans de datos dende 6 euros+IVE.

Coméntovos o máis interesante das novas condicións de contratación: non hai ningún compromiso de permanencia (a non ser queirades un módem USB noso promocionado), non é necesario que teñades un móbilR para contratar estas tarifas e non se vos vai cobrar o exceso de consumo unha vez que vos pasedes do límite do plan (a velocidade baixará e punto).

Fágovos un resumo dos distintos plans que temos:
  • datos 50: licenza de correo e navegación pola internet ata 50 megas por 6€/mes+IVE
  • datos 250: licenza de correo e navegación pola internet ata 250 megas por 12€/mes+IVE
  • datos 1XB: licenza de correo e navegación pola internet ata 1 xiga por 19€/mes+IVE
  • datos 3XB: licenza de correo e navegación pola internet ata 3 xigas por 39€/mes+IVE
Vamos, que temos tarifas de todo tipo e para usuarios que fagan diferentes consumos. Así que aqueles que de cando en vez precisedes conectarvos fóra da vosa casa tendes aí unha opción máis que interesante. Eu teño que confesar que sempre aproveito as fins de semana o meu plan de datos móbil para consultar o correo, entrar na web de Meteogalicia (o mes de xullo semella que se mudou a finais de setembro) e tamén mirar algún que outro xornal electrónico.

Os que xa teñan contratado algún plan de datos poden comentarnos aquí que tal lles vai e se a conexión é boa ou non.

Un saúdo.
Author: "QueCheParece.com" Tags: "fixo e móbil"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Thursday, 01 Oct 2009 16:35
Primeiro foron os concellos da provincia da Coruña, seguíronlle os de Lugo e agora tócalle o turno aos de Pontevedra.

Pois o dito, que agora os nosos clientes de combo3 e combo1 da provincia de Pontevedra teñen tres canles máis en aberto: CNN+, 40 Latino e TVG2.

Para velas, o único que hai que facer é resintonizar o televisor seguindo as instrucións do manual do aparello: as novas canles aparecerán de forma automática. Esta modificación implica un cambio de frecuencia de Intereconomía, que vai estar na frecuencia 224,25 Mhz.

Lembrarvos por enésima vez que se tendes un televisor con sintonizador DVB-C integrado, podedes recibir en calidade dixital todas as canles que emitimos en aberto, xunto coas autonómicas e tamén case todas as internacionais. Serían (se non me esquezo de ningunha) TVE1, la2, Antena3, cuatro, Telecinco, laSexta, VEO TV, TVG, TVG-2, Correo TV, 40latino, Teledeporte, Telecinco 2, Disney Channel, Clan TV, Paramount Comedy, SET en VEO, FDF Telecinco, hogar10, Canal 24h, CNN+, Intereconomía, Record TV, Cubavisión, Telesur, Pro TV Int, Deustche-Welle, Arte, Telemadrid SAT, Aragón SAT, laCanaria, Andalucía TV, TPA, ETB Sat, TVCi, TVVi, RTPi e TV5 Monde .

un saúdo.
Author: "QueCheParece.com" Tags: "televisión"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Wednesday, 30 Sep 2009 14:59
Ola a todos. Hoxe quería falarvos dalgunhas malas prácticas que hai no mundo das telecomunicacións e que non teñen que ver cos operadores. Estou a falarvos das estafas que se fan pola internet.

O primeiro de todo é un consello moi básico, xa coñecido pola maioría, pero que non está de máis ter en conta: nunca, nunca deades os vosos datos privados na rede. Nin contrasinais, nin o móbil, nin validacións das vosas contas bancarias... Nunca.

Non sei vós, pero aquí estamos acostumados a ver moitos correos de phishing. Basicamente son correos electrónicos que se fan pasar polo noso banco e que din que temos que validar a nosa conta, poñendo os nosos datos (número de conta e contrasinal). Iso un banco nunca o vai facer. Hai unhas semanas xordeu un novo caso de phising: un correo supostamente da Axencia Tributaria que solicita os datos bancarios para un reembolso de impostos. A apariencia destes correos e a imaxe pode ser a da Axencia Tributaria ou a do noso banco, pero detrás hai unha fraude coma unha catedral. E a cousa está a aumentar preocupantemente.

Pero detrás desta fraude hai outros incautos: os chamados “muleiros” ou intermediarios. É dicir, unha vez que esta xente se fai cos datos da nosa conta bancaria e nos pode quitar cartos, vén a segunda parte: intentar sacalos sen deixar rastro. E para iso buscan xente a través de ofertas de traballo. A través de correo de spam bombardean aos usarios para que traballen dende a casa unhas horas xestionando transferencias bancarias. Se se acepta o traballo, recibiríase na nosa propia conta bancaria unha cantidade de cartos que teriamos que desviar a outras contas. Deste xeito perderíase ou dificultaríase o rastro dos cartos que se sacaron ilegalmente dos usuarios aos que se lles roubou as claves bancarias. Así a mafia de turno limparíase as mans. E o intermediario pode ir ao cárcere por cómplice.

Así que sede moi cautos: estas ofertas esconden detrás un feito delictuoso, e non sería de estrañar que ao pouco tivésedes á Policía diante da porta da vosa casa por estar axudando a blanquear cartos.

Sempre é aconsellable marcar esta clase de correos como lixo ou eliminalos directamente. Como sabedes, as contas de correo de R contan con protección antivirus. Nese sentido podedes estar un pouco máis tranquilos, aínda que ningún sistema é eficaz nin seguro ao 100%, polo que ademais dunha boa ferramenta é preciso usar o sentido común [editado]. Despois, sempre hai páxinas que son perigosas. Aí podería entrar seguridade R con protección adicional con firewall, antispyware, control paterno (por se non queremos que os cativos entren en determinadas webs), etc. E quen fala de seguridade R fala doutro antivirus, porque sempre é bo ter o equipo protexido. Con eles podedes evitar ter programas espías no voso equipo que vos rouben os contrasinais.

Neste sentido un consello: non poñades un mesmo contrasinal para todo. Non é bo que para acceder á vosa conta de correo, para entrar na vosa web de banca electrónica, no flickr, no facebook, no twitter... teñades sempre o mesmo contrasinal. E dívolo alguén a quen hai uns días lle accederon por este motivo ao seu correo persoal e lle usaron a súa conta de correo para remitir unha mensaxe de spam a todos os seus contactos. Eu xa aprendín a lección. E si, eu xa limpei o meu equipo. Un pouco tarde, tamén é certo, pero de todo se aprende, aínda que só nos lembramos de Santa Bárbara cando trona

Seguimos falando da Rede, porque pola internet tamén se dan outra clase de enganos ou trampas para facernos sacar os cartos sen que seamos moi conscientes. Hai un meses pasou algo disto en facebook. De feito, tivemos coñecemento desta noticia por un usuario deste blog, Indiana, quen nos recomendou facer un post sobre o tema en Que che parece? Así que recollendo a suxestión, decidimos escribir sobre o tema e ampliar a información a outras estafas e enganos.

Como vos dicía, no facebook había un test para coñecer o teu nivel de intelixencia. Ao final, segundo denunciaba a Facua, tiñas que poñer o teu número de móbil e, en lugar de recibir o teu cociente intelectual podías quedar subscrito a un servizo de contidos para móbiles.

Para rematar vou falar desas grandes ofertas supertentadoras que se ven ás veces pola rede. Eses anuncios onde che ofrecen grandes choios por 2 euros. É mellor mercar sempre en sitios web dos que temos referencia e a vendedores que dean seguridade ou que vexamos que xa teñen un bo historial de vendas sen problemas con anterioridade. Vamos, que isto vale tanto para tendas online como para webs de subastas. E outra cousiña, non pagades nunca pola Internet usando Wire Transfer. Polo que me explicaron, Correos, por exemplo, co seu acordo con Western Union "popularizou" esa marca e moitos consideran que é segura, pero só o é cando as dúas partes que fan a transacción se coñecen. Vamos, que como di un compañeiro aquí, “WU = tirar os cartos polo retrete, pero facendo feliz a un chourizo no estranxeiro”. Ben, xa nos contaredes se vos pasou algo disto e como acabou a cousa.

Seguimos véndonos no facebook, no twitter e tamén neste blog.

Un saúdo.
Author: "QueCheParece.com" Tags: "internet/web"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Tuesday, 22 Sep 2009 10:05
Ola a todos outra vez. Pedíadesnos unha tarifa de móbil boa, bonita e barata e aquí vola traemos. É das máis baratas do mercado, por non dicir a que máis: 6 céntimos o minuto a calquera operador e 9 céntimos a mensaxe de texto durante as 24 horas do día.

Xa levabamos tempo traballando nesta tarifa pero ás cousas ás veces van un pouco máis despacio do que nos gustaría. Pero por fin vola podemos amosar, recén sacada do forno: a tarifa mini. Para que poidades chamar barato non só aos móbiles de R, senón tamén aos de calquera outro operador. Vamos, que agora non hai escusa para non pasarse a móbil R, porque poderedes presumir de ter a tarifa de móbil máis barata de toda España: 6 céntimos o minuto+IVE. Aí é nada.

O bo tamén está en que non é só unha tarifa limitada a certas horas do día, como a que anuncian outros operadores. A nosa é as 24 horas do día durante toda a semana, (festivos, laborais e vísperas de gardar). E tampouco teredes o inconveniente doutras tarifas semellantes que vos cobran as consultas do buzón, que ás veces hai que consultar máis do que se pensa por problemiñas coas chamadas perdidas ;)

Vamos, que a tarifa mini vén complementar a nosa oferta de tarifas para aqueles que buscades o mellor prezo e vos dá igual o terminal. Xa vedes que é do máis competitivo

E sempre coa nosa calidade e a mellor cobertura en toda España (e noutros 168 países a través de acordos con máis de 400 operadores en todo o mundo).

Esta nova tarifa poderana contratar as novas altas e tamén os clientes de móbil R que xa cumpriran o seu compromiso de permanencia.

Como algún usuario xa apuntou neste blog, ao reducir tanto a tarifa como contraprestación non se subvenciona un terminal novo. É dicir, que o teriades que mercar a prezo libre. Iso si, a cambio tampouco habería compromiso de permanencia con R de ningunha clase. E ademais, o consumo mínimo é dos máis baixos: 6€/mes+IVE consolidable entre as liñas do mesmo contrato.

Doutra banda, ao ser tan barata, a tarifa mini non tería as chamadas a 0 cent/min entre fixos e móbiles do mesmo contrato nin tería promocionado ata 2011 o módulo de aforro entre teléfonos de R que permite facer chamadas a outros R por 3 cent/min (é dicir, que habería que pagar os 3 €/mes+IVE que custa este módulo sen promoción).

E lembrade que temos moitas outras tarifas pensadas para diferentes tipos de usuarios que vos permitirán chamar a 0 cent/min a todos os vosos fixos e móbiles; a 3 cent/min a calquera outro fixo ou móbil de R; a 9 cent/min a calquera operador polas tardes, para aforrares no teu tempo libre, ou ben a tarifa flexible, para pagar menos cantas máis chamadas fagas. Iso por non falar das nosas tarifas de datos, coas que poderás navegar pola internet dende 6€/mes+IVE.

Ben, xa nos contaredes que vos parece esta nova tarifa que acabamos de sacar e que responde ás demandas de moitos de vós.

Seguimos por aquí, no facebook e tamén no twitter.

Un saúdo.
Author: "QueCheParece.com" Tags: "fixo e móbil"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Tuesday, 08 Sep 2009 14:52
Ola xente. Xa vos comentara noutra entrada anterior que tiñamos unha tenda itinerante que iría visitando diferentes localidades galegas para ir informando dos nosos servizos. Pois ben, agora anda pola Estrada. 

Se sodes do concello e vos queredes pasar, estará na praza da Constitución ata o próximo 2 de outubro. Déixovos por aquí unhas afotos

Tenda R itinerante na Estrada


Tenda R itinerante na Estrada


Tenda R itinerante na Estrada


Tenda R itinerante na Estrada
Author: "QueCheParece.com" Tags: "xeral"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Monday, 07 Sep 2009 10:31
Ola de novo. Hoxe quería escribirvos sobre as catro novas canles que se van incorporar á nosa grella de televisión nuns días. Primeira pista: son internacionais. Bueno, xa sei que non ten moito mérito, porque iso o comento no titular. Segunda pista: son todas latinas.

Igual algún de vós xa as veu anunciadas na revista. Para os que non tedes nin idea, dicirvos que se trata de cha, chán...: Record TV (dial 204), Cubavisión (dial 205), Telesur (dial 206) e Pro Int TV (dial 207).

E cando se van incorporar á grella de televisión de R? Pois nuns días, en concreto o próximo 15 de setembro. É unha mellora que considerabamos necesaria tendo en conta a cantidade de clientes estranxeiros que temos, moitos deles sudamericanos ou romaneses, e que se trataba dunha demanda que nos viñan facendo dende hai tempo.

Vouvos contar agora un pouco de que vai cada unha destas canles. A primeira da que vos quero falar é Pro Int TV (dial 207), que vén a ser a principal canle privada de Romanía, algo así como Telecinco ou Antena3 en España. E para os que vos preguntedes que ten de latina unha canle romanesa, dicirvos que o romanés é unha lingua romance, así que tamén vén do latín. Curioso, pero si.

Outra que incorporamos é Record TV (dial 204), unha das canles con máis anos do Brasil. Os que queiran practicar o portugués agora xa teñen outra nova opción xunto con RTPi. En canto á programación, trátase dunha canle xeralista e, como non, ofrece reportaxes, espazos informativos, programas de entretemento, telenovelas de produción propia e series internacionais.

Un pouquiño máis ao norte temos a Cubavisión (dial 205), a principal canle da televisión cubana. Como boa canle xeralista combina cultura, entretemento e información. Asúúúcar!

E quédame falar da venezolana Telesur (dial 206), unha canle informativa e de actualidade impulsada coa idea de promover a integración de América Latina e como contrapeso a grandes canles como a CNN, a BBC, Univisión... etc. Non só se ve en Venezuela, senón tamén na Arxentina, Cuba ou Bolivia. 

Edito: como ben me comenta fervigo, non dixemos para quen ían destinadas estas canles. Vanas poder ver todos os clientes de comboR e combo2 e tamén os de combo3 e combo1 que teñan integrado no seu televisor un descodificador DVB-C. Vamos, que tamén van estar en aberto en dixital.

Esperamos deste xeito responder ás peticións de moitos dos nosos clientes e enriquecer un pouquiño máis a nosa grella de televisión. Como sabedes, ao longo deste ano tamén incorporamos outras canles como decasa (dial 27), Animax (dial 40), Gol televisión (dial 44), CNN+ (dial 55), 40Latino (dial 68), TPA (dial 87), Aragón SAT (dial 88), Telemadrid SAT (dial 89) e Correo TV (dial 96)

Seguimos por aquí, polo facebook e polo twitter.

Un saúdo.
Author: "queCheParece.com" Tags: "televisión"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Wednesday, 02 Sep 2009 10:08
O titular semella aquela famosa frase de Bertín Osborne no programa “Lluvia de estrellas”, antes de que os concursantes se maqueasen no cantante ao que ían interpretar. Pero desta vez o cambio non vai ser temporal, senón definitivo.

Como vos digo, Jetix cambia de nome e de contidos e a partir do 18 de setembro será Disney XD. Os clientes de comboR e combo2 poderano ver no mesmo dial no que estaba ata agora Jetix, no 32.

Dicirvos que vai ser unha canle que combinará programas e series con xente de carne e óso con outros de animación. O seu público serán os rapaces de 6 a 14 anos, polo que os contidos serán do máis variado. Que se vai poder ver? Pois de boas a primeiras comentarvos que se vai estrear a serie Aaron Stone, na que un rapaz loita contra o crime nun videoxogo transformándose no seu avatar. Aí é nada.

Outras series de seguros que xa vos soan máis, como Phineas y Ferb (teño un amigo que está enganchadísimo) ou Las aventuras de Zack y Cody. Tamén se manterán os programas clásicos de Jetix, como Pokímon, Yin Yan Yo, Totally Spies ou Pucca.

Para os que esteades a ler esta noticia (sobre todo se sodes clientes de combo3 e combo1) e digades: “Buah, xa me dirás que novidade”. Bueno, pois que saibades que como se trata dunha nova canle vai estar en aberto do 1 de outubro ata o 2 de xaneiro. É dicir, que vai substituír a Viajar en breve. Diremos así adeus en aberto a unha canle que tan bos momentos nos regalou, sobre todo coa serie "Spain... on the road again" que durante estes meses nos amosou España a súa gastronomía da man de Gwyneth Paltrow. Agora Viajar pasará a ser de novo dos clientes de comboR e combo2.

Que non se diga que os pequenos da casa agora non teñen contidos para eles. Os que tendes a televisión en aberto poderedes contar agora, ademais de con Disney Channel e Clan TVE, con Disney XD durante tres mesiños.

Seguimos en contacto neste blog, no Facebook e no Twitter.

Un saúdo.
Author: "queCheParece.com" Tags: "televisión"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Monday, 31 Aug 2009 08:21
Ola a todos. Como as tendas R están a funcionar ben e era unha demanda dos nosos clientes, seguimos abrindo novos locais por toda Galicia. Desta vez tocoulle o turno aos de Ferrol.

Así que despois das inauguracións das tendas R en Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo e Ourense, agora temos outra máis polo norte, para todos os de Ferrolterra. Inaugurámola o venres pasado, 28 de agosto, así que para o que precisedes podedes pasarvos por alí, na rúa Cantón de Molins, nº 3. Ademais, évos unha tenda ben grandiña con case 72 metros cadrados onde temos exposición cos nosos móbiles, espazo para probar as nosas conexións de internet e tamén outro con televisión dixital.

E lembrade que tamén estamos á vosa disposición en máis de 70 distribuidores espallados por toda Galicia. Que non se diga ;)

Despídome deixándovos unhas fotiños da tenda de Ferrol. Un saúdo.

Tenda R Ferrol
Tenda R Ferrol
Tenda R Ferrol
Tenda R Ferrol
Author: "queCheParece.com" Tags: "xeral"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Date: Friday, 21 Aug 2009 08:48
Si, si, si, Gol TV xa está aquí. Despois de meses preguntando por esta canle, despois de centos de correos electrónicos que invadiron as oficinas de R, despois de manifestacións colectivas nas principais cidades galegas e dunha campaña no blogomillo sen precedentes, incorporamos á nosa grella de televisión Gol TV (así que agora que non me entere que ninguén a contrata).

Coñezo a máis de un que xa se sabe de memoria a programación e doutros que recompilan información sobre esta canle, pero para os que non teñades demasiada información sobre Gol TV dicirvos que é unha canle adicada ao curling. Que va, é coña! Vamos, que polo nome xa sabedes que ten unha programación adicada ao fútbol as 24 horas.

E como o que máis adoita interesar é o fútbol da casa, esta canle vai ofrecer tres partidos por xornada de Primeira División (un deles sempre do Real Madrid ou do FC Barcelona) e 76 partidos por tempada dos equipos de 2ª División. Vamos, partidos que non se van atopar no resto de canles en aberto.

Ademais, acabo de ler que na primeira xornada van emitir Real Madrid-Deportivo, o encontro Valencia-Sevilla e o que enfrontará ao Barcelona co Sporting, aínda que non está totalmente confirmado.

Ademais, os que contraten esta canle van poder desfrutar de 84 partidos por tempada da Champions League e ata os partidos preparatorios para o Mundial de fútbol 2010 de Sudáfrica.

Se vos sabe a pouco, esta canle tamén ten os dereitos exclusivos das principais ligas europeas e internacionais: Inglaterra, Alemaña, Italia, Francia, Holanda, Portugal, Bélxica, Escocia, Arxentina, Colombia, Ecuador ou Marrocos. Jasús-dior-mío! E aínda por riba teñen tempo para emitir programa informativos, reportaxes e debates. E mesmo van emitir todo o Eurobasket, que non ten nada que ver co fútbol, pero aí queda iso.

Para os interesados, esta canle vai custar 14,9€+IVE e será unha opción que a poidan contratar os clientes de comboR e combo2.

E lembrade que a maiores de todo isto teremos coma sempre o fútbol en PPV. Daremos uns seis partidos na modalidade en pago por visión. Aí seguramente entrarán moitos partidos do Dépor (e esperemos que tamén do Celta o ano que vén), así como outros que non se dean en aberto durante o sábado e o domingo.

Xa me contaredes que vos parece esta noticia, porque este ano, a través de R, ides ter fútbol en vea!

Un saúdo a todos.
Author: "queCheParece.com" Tags: "televisión"
Comments Send by mail Print  Save  Delicious 
Next page
» You can also retrieve older items : Read
» © All content and copyrights belong to their respective authors.«
» © FeedShow - Online RSS Feeds Reader